viernes, 16 de noviembre de 2007

Recolledores de algas do Ortegal

Gal:
En Galicia existe, dende mediados do século pasado, un traballo feito por persoas que viven preto da costa. Xente que coñece ben os cantís e praias e sabe de ondas e mareas, para tirar proveito dun ben do cal case ninguén repara que está aí; as algas.
En moitos puntos da festoneada orla mariña galega, seguindo cunha tradición ancestral, recóllese unh alga chamada "liquen" que non é outra que o Chondrus crispus, unha especie de alga vermella que queda descoberta nas baixamares das mareas vivas nos litorais expostos e abertos. Aparece formando uns abondosos cintos conxuntamente con outras sps que tamén se soen recoller indistintamente como Mastocarpus stellatus ou Gigartina pistillata.
O traballo que fai esta xente é hercúleo, combatindo cos elementos máis acuciantes: a auga e o vento arrefriador , para extraer e recoller gandes sacos de estas especies de algas e subilos a lombos por pendentes e cantís que desafían por verticalidade, beleza e tamano a catedráis e monumentos. As veces axúdanse de bestas, dócis burros e mulas que facilitan o traballo alí onde non chegan pequenos tractorins que alivian as costas destes traballadores ignorados.
Venden as súas colleitas a empresas da industria dos ficocoloides como CEAMSA, para que se poidan elaborar aditivos con propiedades xelificantes e espesantes destinados ao sector farmacéutico e a alimentación.
Neste vídeo que presento, exponse a dureza das condicións do seu traballo e a beleza dos lugares nos que traballan. Aqueles interesados nunha copia de maior calidade, poñedeos en contacto conmigo.